Desemprego, corrupción, recorte de dereitos…Cal é a túa razón para manifestarte o 15-S?

Desemprego, corrupción, recorte de dereitos…Cal é a túa razón para manifestarte o 15-S?



Manifestación Por unha patria soberana, o domingo 15 de setembro ás 12.00 na Alameda de Santiago de Compostela.

O BNG chama a toda a militancia e ao conxunto da cidadanía a dar unha resposta social contundente convertendo a manifestación do 15 de setembro nun gran acto de protesta contra as políticas do PP que colocaron a Galiza ao borde do colapso.
Sobran as razóns para dicir “basta xa” ao desgoberno dun PP que non ten alternativa para o país e que goberna para os lobbies empresariais madrileños, os mesmos que o financian de xeito ilegal.
Desemprego, desigualdade, empobrecemento: A taxa de desemprego é do 23%, 50% se falamos de paro xuvenil, 92.000 familias teñen a todos os seus membros no paro e só no último ano Galiza perdeu 33.000 empregos, sen esquecer a sangría da emigración. Ao recorte das pensións, súmase agora a persecución fiscal de Facenda cos emigrantes retornados. Para o BNG a prioridade é combater a crise, porque medran as desigualdades, cada vez somos máis pobres e aumenta o risco de exclusión social, e para facelo con eficacia precisamos máis soberanía, dito de outro xeito, precisamos poder tomar as decisións que máis conveñan aos intereses do país e da xente do país.
 Sectores produtivos están exhaustos, acosados polas limitacións e as regras de xogo impostas pola UE e polo Estado español, contrarias aos intereses do noso naval, do agro, do sector pesqueiro, enerxético e dos nosos recursos naturais, que o PP quere entregar ás multinacionais depredadoras. Con capacidade política real é posible darlle a volta a gobernar a favor dos nosos sectores produtivos.
Espolio financeiro: Galiza precisa unha banca pública que financie á nosa economía, aos emprendedores, as familias. O BNG propón converter NGB nesa banca galega, pero o PP aposta por consumar o espolio definitivo do aforro do país. Como explicarlle aos galegos que se regala NGB a gran banca española ou se malvende a un fondo especulativo tras tapar os buratos da entidade con 9.000 millóns de € aos que hai que sumar os 600 millóns estafados polas preferentes? Tamén para isto precisamos soberanía, para que non decida o FROB por nós, coa complicidade do PP.
Defensa dos servizos públicos: a crise como coartada ideolóxica para recortar a sanidade, a educación, o investimento en I+D+i, as prestacións sociais precisamente cando máis se necesitan. Consecuencias, suben as listas de espera, ponse contra as cordas a calidade sanitaria, suben as taxas universitarias e baixan as becas deixando fora aos fillos das familias con máis dificultades.
Corrupción e falta de democracia dun PP absolutamente deslexitimado, que cobra sobresoldos en negro e financiado ilegalmente por grandes empresas con sede en Madrid a cambio de colocar o BOE ao servizo dos seus intereses, mentres no Parlamento galego rexeitan dar explicacións sobre o espolio das caixas, a traxedia ferroviaria de Angrois ou agachan a documentación dos contratos con narcotraficantes convictos.
É preciso rebelarse, por necesidade e por dignidade, e facelo reclamando a soberanía de Galiza, porque non se trata dun capricho ideolóxico, senón da chave para saír da crise, para desenvolver o país, para conquistar a xustiza social e reconstruír a democracia. Sobran motivos para participar a manifestación do 15-S. Só tes que elixir cal é o teu.