O BNG fará unha oposición firme e contundente e pide respecto ao pluralismo

O BNG fará unha oposición firme e contundente e pide respecto ao pluralismo


O portavoz do GP do BNG, Francisco Jorquera, anunciou que esta formación política fará unha oposición firme, contundente e propositiva, co obxecto de revitalizar o Parlamento como eixo central da vida política.
“Trátase –dixo- de recuperar o Parlamento para que sexa a voz dos cidadáns e de que reflicta, por tanto, o seu pluralismo, que reflicta o mandato das urnas, que rachou coa preponderancia do bipartidismo, por iso PP e PSOE non deben caer na tentación de ir a unha conformación a dous dos distintos organismos da Cámara”.
Interrelación coa base da sociedade
Para Jorquera, é fundamental levar a voz dos cidadáns ao Parlamento e o Parlamento á rúa e iso pasa polo respecto escrupuloso ao pluralismo e tamén por un traballo de interrelación permanente do traballo parlamentar coa base da sociedade.
“A nosa oposición firme imos acompañala de propostas alternativas e claras que demostren que é falso que, tal e como sostén o PP, sexa imposíbel marcar un cambio de rumbo en Galiza e implementar outras políticas”.
Aymerich, viceportavoz
A este respecto, Carlos Aymerich, que execerá de viceportavoz do grupo, explicou que o BNG traballará tanto no inmediato, para resolver os problemas máis urxentes do cidadáns, víctimas dunha situación social e económica catastrófica, como no estructural, con reformas máis de fondo que pasan por garantir a capacidade de Galiza para decidir.
Aymerich referiuse, por exemplo, á necesidade urxente da moratoria sobre os desafiuzamentos pero tamén a que é preciso pór en marcha outra política de vivenda; asemade, falou de pór freo aos Eres e garantir a protección social para os desempregados no inmediato, mais tamén cómpre un novo marco galego de relacións laborais e apostou por traballar xa contra a privatización dos hospitais pero co horizonte posto en revisar o sistema de financiamento e en poder mudar as prioridades orzamentarias.
Reparto de áreas de traballo
O grupo parlamentar do BNG celebrou hoxe a súa primeira reunión, na que se ratificou a decisión da Executiva de nomear a Francisco Jorquera como portavoz e a Carlos Aymerich e Ana Pontón como viceportavoces.
Sobre a distribución do traballo dos distintos deputados e deputadas, Ana Pontón informou de que fica do seguinte xeito:
Cosme Pombo: Educación e Universidade e Vivenda
Tereixa Paz: Medio Rural e Administración e Xustiza
Ana Pontón: Cultura e Lingua, Ordenación do Territorio e Vivenda
Carlos Aymerich: Facenda e Sanidade
Carme Adán: Industria, Igualdade e Servizos Sociais
Montse Prado: Pesca, Emprego e Comercio
Francisco Jorquera: Democracia e distintos asuntos económicos

O BNG fará unha oposición firme e contundente e pide respecto ao pluralismo