O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo

O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo

A lista do BNG estará formada por Ana Miranda, Alberte Souto, Encarna Otero, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Marga Vázquez Veras, Iván Area, Helena Veiguela, Marga Caldas e Xavier Vence. Como suplente estará Edelmiro López Iglesias.



“Galiza, nación europea, ten tanto dereito a existir e estar representado nas institucións europeas como calquera outra nación”, asegurou Ana Miranda. “E ademais a estar representada en galego”, asegurou a candidata nacionalista, quen lembrou que a súa filla fala galego, castelán, francés e neerlandés, e que “as linguas suman e non restan”.

Para Ana Miranda, o BNG preséntase a estas eleccións tamén para defender outra idea de Europa. “Onde está Europa neste tempo de crise, no que mesmo Estados Unidos está facendo políticas máis progresistas que as propias institucións comunitarias”, dixo.
A que foi até agora representante “oficiosa” do BNG ante as institucións europeas e asistente parlamentar de Camilo Nogueira entre 1999 e 2004 prometeu facer unha campaña intensa, “percorrendo o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste”. Asegurou así mesmo que os nacionalistas “faremos unha campaña tal e como somos nós: humilde, relacionada coa xente, directamente co pobo e desde logo, participativa”. O lema será "Imos a Europa, vés?".
“Seremos nós os que defenderemos o noso aire, mar e terra, defendendo tamén un país sustentábel”, aclarou.

Galiza non existiu para o PP e o PSOE

Asegurou, por outra parte, que o BNG non é “nin euroescéptico, nin eurooptimista” e reivindicou que o noso país defenda directamente os seus dereitos na Eurocámara. Nesa liña, fixo referencia ao período 1999-2004, no cal o BNG estivo representado através do eurodeputado Camilo Nogueira e tamén á lexislatura 2004-2009, na cal os nacionalistas galegos presentaron iniciativas mediante os partidos cos que foran coaligados.
“Hai que destacar un feito, que é que Galiza apenas existiu para os eurodeputados galegos do PP e do PSOE”, dixo. “Non lembro intervencións nas que falaran das nosas realidades: dos incendios, do textil, da pizarra, das conservas, do agro, do leite”, dixo.
Renegociación dos fondos estruturais
Miranda lembrou que no Parlamento Europeo se renegociarán os fondos estruturais apartir do 2010 “e nós imos estar alí para defender os nosos intereses sen intermediarios, como fan os partidos que teñen a súa sede central en Madrid”. De feito, a candidata nacionalista asegurou que “a nosa sede central é esta, nós queremos relacionarnos directamente de Galiza para Bruxelas, sen pasar por Madrid”.
Lembrou que en Europa se van decidir cuestións moi importantes “que afectan ás nosas vidas, como o Plan Boloña no ensino, a directiva de Servizos, ”. E así mesmo, lembrou que o BNG non estará só no Parlamento Europeo, senón que intervirá através da súa “familia política” da Alianza Libre Europea -partido no que están integrados os nacionalismos progresistas do continente-, que forma grupo parlamentar cos Verdes.

Guillerme Vázquez
O portavoz nacional do BNG asegurou que esta forza política cre “na Europa da cohexión social, pero de verdade, non coma un enunciado abstracto” e reclamou políticas “que favorezan a converxencia real”.
Vázquez lembrou a oposición do BNG ao tratado constitucional europeo, e que “ser crítico coas institucións comunitarias non significa ser antieuropeo”. Nesa liña, apuntou o déficit democrático que teñen as institucións de Bruxelas, ao cal mostraron o seu rexeitamento os pobos de Francia e Holanda votando non ao tratado constitucional europeo. Nesa liña, recordou a oposición do BNG a este tratado.
“Cremos na Europa da cohexión territorial social, pero a de verdade, non como un enunciado abstracto sen nengunha concreción práctica”, enfatizou. E nesa liña, reclamou que se permitan desenvolver “as capacidades produtivas do noso país nos sectores naval, lácteo e pesqueiro”.
Por último, Vázquez sinalou que o BNG “defende unha Europa que xogue outro papel na política internacional, que sexa favorábel á paz e non siga as políticas militaristas e defenda por tanto a libre determinación dos pobos”.

O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo