O BNG CONSIDERA "INSUFICIENTES E DECEPCIONANTES" AS MEDIDAS ECONÓMICAS APROBADAS POLO GOBERNO

O BNG CONSIDERA "INSUFICIENTES E DECEPCIONANTES" AS MEDIDAS ECONÓMICAS APROBADAS POLO GOBERNO

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, considera que as medidas aprobadas polo goberno “son insuficientes e decepcionantes e non parece que vaian ter entidade para facilitar a recuperación da economía”.
“Son medidas decepcionantes porque, no canto de atender ás persoas que viven dun salario, ás familias que teñen que afrontar unha hipoteca, isto é, á maioría social (non hai ningunha medida para elas), o Goberno, o que fai é beneficiar aos rendementos máis altos coa aprobación da supresión do imposto de patrimonio que só pagan aqueles contribuíntes que teñen un patrimonio superior a 600.000 euros”, critica o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados.

“MEDIDAS NEGATIVAS PARA A LEI DE DEPENDENCIA E PARA O FINANCIAMENTO DAS CCAA”
Ademais, Francisco Jorquera considera que “esta política de recortes fiscais é negativa para as políticas sociais, como xa se está a demostrar co recorte de recursos para a aplicación da Lei de Dependencia, e tamén para a mellora do financiamento das Comunidades Autónomas, dotándoas de máis recursos”. “Compre lembrar –engade- que isto é tanto como dicer: mellorar a calidade dos servizos que prestan estas administracións: a educación, a sanidade, etc”.
En canto ás axudas ás pequenas e medianas empresas, o portavoz do BNG no Congreso considera que “son de escasa entidade e, ademais, articúlanse a través de créditos, asi que non parece moi probábel que beneficien aos empresarios que non queren endebedarse máis”. Por último, Francisco Jorquera critica que as medidas traspoñan tamén a directiva Volkenstein “que suporán a desrregulación e máis precariedade laboral, ou tamén a axilización nos trámites de declaración de impacto ambiental, que abren a porta a posíbeis deterioros do noso contorno”.

O BNG CONSIDERA "INSUFICIENTES E DECEPCIONANTES" AS MEDIDAS ECONÓMICAS APROBADAS POLO GOBERNO