A balanza fiscal elaborada por Facenda falsea a realidade de ingresos e gastos Galiza-Estado

A balanza fiscal elaborada por Facenda falsea a realidade de ingresos e gastos Galiza-Estado

O BNG considera que os datos da balanza fiscal entre o Estado e as comunidades autónomas difundidas hoxe polo Goberno central no caso de Galiza non reflicten a foto real entre o que o noso país recibe e o que aporta ao Estado, senón que falsea a relación de ingresos e gastos entre ambos en 2011.
A formación nacionalista ten elaborado un informe sobre os datos da balanza fiscal correspondentes ao exercicio 2011, -que presentará mañá mesmo-, no que Galiza, lonxe de ter un saldo positivo, rexistra un déficit que ronda os 1.500 millóns de euros.
O Bloque advirte que a clave desta diferencia de resultados está no criterio de imputación seleccionado polo Ministerio de Facenda para calcular a balanza fiscal, baseado no fluxo de carga-beneficio. Este sistema imputa o que o Estado gasta ou inviste en función de a quen beneficia, sen ter en conta o territorio no que efectivamente se leva a cabo ese gasto/investimento.
Por citar un exemplo, con este criterio, o gasto ou investimento que o Estado leva a cabo no Museo del Prado computaría en todo o territorio ao entender que é un beneficio para calquera cidadán, con independencia de onde resida. O Bloque entende que non é comparable o beneficio que obtén Madrid que o que obtén Galiza, e que, polo tanto esta forma de imputación distorsiona e falsea a realidade dos ingresos e gastos entre o Estado e Galiza.
En consecuencia, a formación que dirixe Xavier Vence, considera que o criterio que hai que aplicar para o cálculo das balanzas fiscais é o de fluxo monetario, que computa o gasto ou investimento do Estado no territorio no que realmente se executa.
Neste mesmo sentido, as balanzas fiscais que presenta o Estado inclúen tamén o gasto da Seguridade Social, que o BNG considera cuestionable posto que estamos ante un sistema de solidariedade entre persoas sufragado por traballadores e traballadoras e empresas, que aportan a unha caixa común para pagar as pensións contributivas. Polo tanto, non é un gasto nin un investimento do Estado nas CCAA.
O BNG, que mañá presentará o seu propio informe da balanza fiscal de 2011, denuncia a “sobredimensión” da Administración central, en particular en áreas de competencia exclusiva das comunidades autónomas como Educación ou Sanidade, pero cuxas infraestruturas administrativas se manteñen.
Unido ao rescate da banca, o rescate do sector eléctrico, – a través do déficit tarifario-, están detrás dunha parte moi significativa do déficit e da débeda do Estado que converten Madrid “nun gran burato” que consume recursos de todos os demais territorios”.

A balanza fiscal elaborada por Facenda falsea a realidade de ingresos e gastos Galiza-Estado